martes, marzo 17, 2020

PRIMARIA PRESENTACIÓN

BOS DÍAS!!
Segundo anunciamos onte, a partires de hoxe comezaremos ca labor cotiá no que se refire a elaboración de tarefas.
Cada día irei enviando tarefas diarias concretas, enlaces onde poden atopar aclaracións así como enlaces de xogos interactivos educativos que fan da aprendizaxe un elemento lúdico. Tamén porei suxerencias de tarefas que foron propostas da mestra de Audición e Linguaxe e algunha tarefa proposta polo mestra de Inglés.
Procurarei que sexan actividades o máis amenas posible e que non revistan dificultades: seguimentos de contidos xa vistos na clase , reforzos ou pequenas ampliacións, e en ningún caso materia nova. Por suposto , non esqueceremos a lectura diaria, aínda que sexa un cuarto de hora, pero que sexa unha lectura de calidade e de comprensión.
Os traballos realizados e as dúbidas que poidan xurdir na realización das tarefas, podedes mandarmos ao meu wasap, non ao do grupo, para resgardar a privacidade de todos.
Sodes os pais e nais os que ides marcar a viabilidade de realizar as tarefas, e por iso son consciente de que algúns tendes dificultades horarias que vos permitan estar cos vosos fillos e fillas axudándolles. Neses casos non pasa nada. Os nenos van facendo o que poidan sen que para vós represente unha complicación. Se non poden facer todo o que se indica, tampouco hai problema, xa que é unha proposta e cada un fai o que lle permitan as súas circunstancias. Ademais, tamén podedes indicarme sen ningún pudor se as tarefas son complicadas, longas...calquera aportación vosa axudarame moito en realizar este traballo con máis eficacia.
É importante que os nenos e nenas entendan que non estamos nun período de vacacións, senón que temos que seguir traballando pero desde a casa, cos inconvenientes de non ver aos compañeir@s pero que como compensación non temos a obriga de estar cinco horas na escola. Polo tanto, reitero que é fundamental ter uns horarios sistemáticos de erguerse, de almorzo, de traballo e de xogo, co fin de que non perdan a dinámica dunha “vida laboral ordenada” que continuará cando se restableza esta situación.
Moito ánimo para tod@s. Estamos en contacto.
Un bico..... virtual !!

lunes, marzo 16, 2020

QUERIDAS FAMILIAS

Queridas familias:
Debido as medidas tomadas para frear o COVID -19, queremos facervos algunhas recomendacións que poidan servir de estímulo aos nenos e nenas para estes días na casa.
- Mantede a tranquilidade para que eles estean tranquilos e contestade as súas preguntas sobre o tema na medida da súa comprensión.
- É convinte facer un horario normal con hora de levantarse e deitarse para que teñan un ritmo.
- Manter unhas rutinas na vida diaria da casa.
- Estaría ben que participen nas tarefas da casa, poñer a mesa, poñer roupa na lavadora, axudar a tender…
  • Aproveitade para traballar competencias que requiren un pouco de tempo como aprender a vestirse, espirse, atar os cordóns, ordenar as súas cousas…
  • Limitade e titorizade o seu uso de Tele e outros dispositivos esctrónicos.
- Lerlles moito e que lean os que xa len. Que lean para os adultos, para os irmáns, que lles lean as mascotas...
- Viralles moi ben, facer puzzles, xogos de lóxica, ordenacións de obxectos, emparexar e doblar calcetíns, xogar con plastelina ou amasar fariña, rasgar papel, recortar libremente ou con patróns dados, debuxar e facer as súas creacións, nas que tamén poden pegar cousas, picar,etc
- Escoitar todo tipo de música, cantar, bailar, aprender cancións
- Aprender poesias, adiviñas, contos, ditos.
- Xogar con eles as cartas, parchis, oca, dominó, adaptando os xogos segundo as idades
- Os que teñades a sorte de ter horta ou terraza, podedes plantar cousas, regar, sacar herbas etc. que vos axuden.
- Que xoguen moito, xogade con eles o que poidades pero tamén que xoguen cos irmáns, sós... e para os que non saben xogar sós é unha boa oportunidade de aprender.
- Tomade estes días como unha oprtunidade de interactuar con eles e elas.
- Polo ben de todos-as quedade na casa todos os que poidades e os nenos e nenas que non saían. Os que tedes que saír a traballar extremade as medidas de hixiene ao voltar a casa para evitar os contaxios.
  • A partires de mañan, en Primaria a profe irá propoñendo tarefas diarias especificas agás por suposto de ler.
  • En Infantil tamén a profe proporá ideas que poidades facer con eles para servirlles de estímulo.
  • Iremos propoñendo ideas para facer na casa para reforzar as aprendizaxes.
  • Podedes poñervos en contacto a través do whatsapp, teléfono ou correo electrónico.
  • Estade atentos as novidades e actividades no blog da escola.
Saúdos e moito ánimo das mestras!!!!!

PRESENZA DE PERSOAL NOS CENTROS

Comunicación aclaratoria das instrucións en materia de presenza de persoal nos centros de ensino non universitario

Lun, 16/03/2020 - 10:40
Diante das modificacións derivadas da declaración do estado de alarma, acláranse as últimas instrucións:
1. Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de mais de seis unidades solo permanecerá en réxime de quendas unha persoa do equipo directivo do centro de 10 a 13 horas.
2. Nos centros de educación especial con residencia tan só se esixirá a presenza dun membro do equipo directivo, en réxime de quendas no mesmo horario, debendo os usuarios permanecer nos domicilios

Polo tanto, a nosa escola permanecerá pechada. Podedes comunicar con nós particularmente  por medio do whatsapp, teléfono ou correo electrónico.


2. PRESENZA DO PERSOAL DOCENTE E NON DOCENTE NO CENTRO
2.1. Establécese as seguintes previsións en relación coa presenza do persoal que se indican a continuación:
a) Educación infantil e primaria
-Centros de menos de 6 unidades
A titorización e a atención do alumnado realizarase cos medios non presenciais, telemáticos,  telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc)
 

Suspensión matrícula oposicións e procesos de admisión

 

Suspensión matrícula oposicións e procesos de admisión 

Segundo o establecido na disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19 e no apartado sétimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 interrómpense o prazo para a presentación de solicitudes deste procedemento. O cómputo dos prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia o acordo ou, se é o caso, as prórrogas deste.

O prazo de admisión nos colexios era ata o 20 de Marzo, agora queda suspendido e volverán a dar un prazo cando isto remate.
Tranquilidade.
 

jueves, febrero 27, 2020

VACANTES CURSO 2020-21

 EEI.VERDUCIDO       VACANTES 20-21

4º EDUCACIÓN INFANTIL     8 PRAZAS


1º EDUCACIÓN PRIMARIA   5 PRAZAS


2º EDUCACIÓN PRIMARIA   4 PRAZAS

sábado, febrero 15, 2020

SALÓN DO LIBRO O HUMOR

O tema do Salón e o personaxe máis coñecido da literatura do país convidado deste ano ofreceunos un moi interesante diálogo sobre a diferncia das bromas, do humor..., e as mentiras.
Quedou moi clariño.
Gianni Rodari un autor e pegagogo italiano con moito humor tamén nos está servindo de guía neste proceso.
A recollida de ditos e refráns que fixeron os nenos e nenas entre os seus familiares tamén nos proporciona un valioso material que revela un estilo de humor moi noso...
Isto ferve, xa queda pouco.

jueves, febrero 06, 2020

DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA NA ESCOLA

Celebramos este día dende hai anos participando na carreira solidaria que propón Save the Children( do que somos centro Embaixador). Este ano corremos polos refuxiados da etnia rohingya que viven hacinados no campo de Cox´s Bazar en Bangladesh.
Trasladamos a carreira para o Xoves 6 de Febreiro pola chuvia.
Os nenos e nenas esforzanse en dar voltas ao circuíto coa conciencia de que esta carreira gañámola tod@s, nós porque medramos coa solidariedade e eles porque poderán ter unhas
condicións de vida dignas.



 Se hai que parar para axudar a un compañeiro máis `pequeno, paramos. Así tamén gañamos.

martes, febrero 04, 2020

VINDE COÑECER A NOSA ESCOLA

O Martes 18 de Febreiro e os Martes 3, 10 e 17 de Marzo  
de 16:00 a 18:00 horas, vinde coñecer á escola.
Poñedevos en contacto con nós para concertar á visita 

Teléfono 886151589 ou ben no email: eei.verducido@edu.xunta.es.

SALÓN DO LIBRO VISITA DE ORBIL


Hoxe na escola tivemos unha visita moi especial.
Estamos traballando para o Salón do Libro con moito HUMOR
Pinocho, Gianni Rodari ....

martes, diciembre 03, 2019

XOGO E MOVEMENTO

No taller de Xogo e Movemento conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade facendo un exercicio de empatía, poñéndonos no sitio de persoas con discapacidade cando xogamos e pensando todo o que SI podemos facer xuntos. Previamente na Biblioteca traballamos estes libros que nos falan e animan á INCLUSIÓN.
 
A proposta é preparar un círcuíto que un compañeiro cego/ en cadeira de rodas...poida facer canda nós.Botamos a sortes quen vai ser o compañeir@ con discapacidade e que discapacidade.

domingo, diciembre 01, 2019

DÍA DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Resultado de imágenes de Catarina e O oso

 No Taller de Xogo e Movemento, con axuda deste libro recordaremos que INCLUSIÓN  é o camiño e descubriremos xuntos moitas maneiras de facelo en diferentes circunstancias.

lunes, octubre 28, 2019

BIBLIOTECA ESCOLAR VIVEIRO DE CIDADANÍA

Data: Xoves 24 de Outubro / Luns 28 de Outubro
A partires das 12:15 na Biblioteca da Escola
 

Actividade:

- Exposición de Libros do Mundo na Biblioteca da Escola.
- Nobugh, o pai de Nebrás veu á escola a ler para os nenos e nenas pequenos contos en árabe, ruso e italiano.
- Facemos un marcapáxinas reutilizando os plásticos sobrantes de plastificar, debuxando con rotuladores permanentes e con pegatinas. Xogan coa transparencia do soporte.
A data foi comemorada por primeira vez en Outubro de 1999.
Este día ten como obxectivo destacar a importancia das Bibliotecas Escolares na educación, asi como promover o gosto pola lectura.
As bibliotecas escolares desempeñan un papel moi importante nas escolas e son un vehículo de transmisión de coñecemento, non só a través dos libros mais tamén das actividades que aqui se desenvolven.

lunes, octubre 21, 2019

A NOSA ESCOLA NA ALDEA

Apañamos castañas na finca de Helena, unha amiga da escola.
Visitamos esta finca con gran variedade de árbores,fomos dando un paseo ata alí dende a escola nunha maña solleira despois da merenda. Puxemos a proba a nosa habilidade de apañadores de castañas e Julio, o pai de Helena, fixo coroas para os que atoparon a castaña máis grande e tamén para o que apañou a máis pequena.
E, sorpresa final, a casa de Helena é unha casa con moita música e deixounos tocar un pouquiño o seu piano. Voltamos felices á escola despois desta experiencia que nos proporciona o noso contorno e os bos e xenerosos amigos da nosa escola na aldea.




miércoles, septiembre 25, 2019

FOLGA MUNDIAL POLO CLIMA

O Venres 27 de Setembro a Escola de Verducido súmase á Folga Mundial polo clima.
Dende que comezamos as aulas fómonos concienciando deste grande desastre.
O venres ás 13.45 no patio da escola ides poder ver un resumo do noso traballo no mural reivindicativo que mostraremos, estades convidados a participar nesta xornada.
Faremos entrega do Compromiso residuos cero nas merendas, que levarán á casa para que asinen as familias e o luns o traen á escola para asinar cada neno e nena diante dos compañeiros/as.
Este compromiso consiste en procurar que as nosas merendas non veñan cubertas de plástico, aluminio… e se traemos auga ou zume, que veña nunha botella reutilizable, por exemplo.
CAMBIAR O MUNDO É COUSA DE NENAS E NENOS!!!!!!!!!!!!!!


lunes, septiembre 09, 2019

BENVIDA CURSO 2019-2020

REUNIÓN COAS FAMILIAS               XOVES 5 DE SETEMBRO ÁS 20:00 


COMEZAMOS O MÉRCORES 11 ÁS 9:00 CUNHA BENVIDA XERAL PARA NENOS/AS E FAMILIAS NA AULA DE INFANTIL

 - Presentación das mestras para o curso 2019-20
Titora 1º e 2º de Primaria. Maica Cotelo Cancela
Titora E.Infantil 4º,5º e 6º. Raquel Mera Dios
Inglés: Isabel Moure
AL: Naiara Tomé
Orientación: Soraya Cortizo
Relixión: Manuel Pampín
    1.-Pregamos puntualidade e seguir o menú de merendas semanais establecido pola escola.
    2.-Lembrade que ás 8:45 hai unha mestra de garda na súa aula por se precisades que o/a neno/a quede na escola. Esta semana estará Raquel de garda.
    3.-Tamén lembrade que temos cadeiras elevadoras para o coche por se alguén a precisa en algún momento.
    4.-PLAN DE ACOLLIDA EN SETEMBRO: Os nenos e nenas de INFANTIL entraran en duas quendas, uns ás 9:00 e outros ás 9:20 según preferencia das familias.
    5.-Os Martes pola tarde a partires de Outubro,de 5 a 6 da tarde, a Biblioteca da escola está aberta para todos. Tamén haberá un Taller de monicreques que xestionaremos entre mestras e pais e nais do alumnado e teremos tamén charlas e encontros para nais e pais sobre temas de interese para a educación dos nenos/as.
    6.-Educamos con respecto para o respecto, sen premios nin castigos, cos límites que o respecto polos demais, por si mesmos e polos bens que os rodean precisan.
    7.-Dende os 3 anos os nenos e nenas teñen para casa DEBERES: LER, todos os días.
    Ao principio serán os adultos os que teñen que ler para eles todos os días sen falta, pouco a pouco irán os nenos e nenas lendo para os pais/nais:TODOS OS DÍAS.
    8.- Continuaremos na escola co proxecto da Horta Ecolóxica e Alimentación, traballaremos arredor do HUMOR, tema proposto polo Salón do Libro e o noso Proxecto Xeral da Escola para este curso será : A NOSA ESCOLA NA ALDEA, coñeceremos a contorna da escola,e a vida na aldea. Faremos un inventario de recursos medioambientais, patrimoniais, persoais..para a nosa investigación.
    Agradecemos a colaboración de toda a Comunidade Educativa de Verducido para o éxito deste proxecto para este curso.


BENVIDOS AO CURSO 2019-20

martes, junio 04, 2019

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Durante a Semana do 3 ao 7 de Xuño, celebramos na escola de Verducido o Día Mundial do Medio Ambiente cun intercambio de plantas e sementes.
Convidamos a toda a Comunidade Escolar a participar.
De 9:00 a 14:00 horas pasade polo colexio. Nos soportais da entrada temos plantas e sementes que proveñen da horta da escola. Podedes levar o que poidades plantar.
Participade nesta experiencia, para ser feliz hai que compartir. Queremos que os nosos nenos e nenas sexan felices e aprendan a compartir.